Ola a todos! Para inaugurar este blog, vou a falar sobre unha cuestión relacionada co Tema 1, o cal trata sobre o ensino de linguas no presente modelo educativo, estatal e autonómico. O tema no que me vou centrar nesta entrada será o enfoque que ten a LOMCE na súa política de ensinanza de idiomas.
A Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), coñecida popularmente como “lei Wert”, é unha lei do ordenamento xurídico español con carácter de lei orgánica, aprobada no ano 2013, e que modifica a Lei Orgánica Educación (LOE). Desde a presentación do proxecto de lei ata a súa aprobación definitiva polas Cortes Xerais, foi unha lei moi contestada e controvertida por varios sectores sociais e políticos, culminando en diversas manifestacións e folgas en toda España. De feito, durante a súa tramitación nas Cortes, a lei só foi apoiada polo Partido Popular, e en 2016 aprobouse no Congreso por maioría absoluta a súa paralización.
No seu preámbulo, a LOMCE considera que o dominio dunha segunda ou incluso dunha terceira lingua é unha prioridade na educación debido ao proceso de globalización que estamos vivindo. Esta lei defende que un dos obxetivos fixados pola Unión Europea é o fomento do plurilingüismo, e afirma que vai multiplicar os seus esforzos en conseguir que o alumnado chegue a dominar e a desenvolverse con fluidez en, polo menos, un idioma estranxeiro. Ademais, en caso de que non haxa suficientes docentes coas competencias lingüísticas necesarias, a Administración poderá excepcionalmente “incorporar expertos con dominio de lenguas extranjeras, nacionales o extranjeros, como profesorado en programas bilingües o plurilingües”. Á primeira vista, esta decisión só implica consecuencias positivas: o estudo de varios idiomas favorece o desenvolvemento metacognitivo do alumnado e mellora a súa capacidade de comprender conceptos abstractos relacionados coa gramática ou a sintaxis, ademais de proporcionarlle unha visión máis tolerante e intercultural do mundo. Por desgracia, o verdadeiro motivo polo que a LOMCE busca fomentar tan exhaustivamente o estudo de idiomas non é polos motivos anteriormente mencionados, senón para unha finalidade máis económica. De feito, a propia lei di que apostan pola incorporación curricular dunha segunda lingua estranxeira para “favorecer la empleabilidad y las ambiciones profesionales”.
Esta tendencia a promover o estudo de idiomas estranxeiros na educación obligatoria contrasta drasticamente coa súa política de acción cos propios idiomas territoriais da península. A LOMCE recoñece a posibilidade de impartir na lingua cooficial de cada comunidade todas as materias de carácter non lingüístico, pero neses casos “la Administración educativa deberá garantizar una oferta docente sostenida con fondos públicos en la que el castellano sea utilizado como lengua vehicular en una proporción razonable”, defendendo a libertade das familias á hora de elixir unha ensisnanza en castelán para os seus fillos. Esta política de que as linguas cooficiais nunca deben estar por encima do castelán contradice a tendencia que se vén dando nos últimos anos de ensinar idiomas mediante o método CLIL e o auxe das escolas/institutos bilingües.
Por un lado, a lei defende o uso de fondos públicos para garantir sempre unha oferta de ensinanza en castelán, algo que podería chegar a considerarse innecesario en moitos casos posto que as linguas ameazadas sempre son as cooficiais. Pero por outro lado, o noso sistema educativo favorece cada vez máis a ensinanza de outras materias mediante un idioma estranxeiro en lugar do castelán, e cada vez hai máis escolas que optan polas políticas do bilingüismo (concebindo bilingüismo sempre a combinación de castelán cun idioma estranxeiro, nunca cooficial). Sabendo a problemática territorial que se está vivindo no noso país nos últimos anos, e tendo en conta que para traballar nalgunhas comunidades autónomas é necesario ter un nivel mínimo no seu idioma cooficial, por qué o Goberno dedica todos os seus recursos en materia de ensinanza de idiomas ao castelán e ás linguas estranxeiras? A resposta é simple, xa que na sociedade actual existen dous tipos de linguas: as que che dan traballo e as que non.
Esta visión do estudo de idiomas como unha ferramenta para a economía en lugar de como unha oportunidade para potenciar a tolerancia e o entendemento entre comunidades non é para sorprenderse, posto que a LOMCE é unha lei educativa que enfatiza a competitividade, a mobilidade social e a futura empregabilidade como a clave para acadar a calidade educativa, e concibe a educación desde un punto de vista utilitario para a dimensión económica do país, deixando nun segundo plano a dimensión social da educación. A proba de que a LOMCE se sustenta en fins económicos está en que o propio preámbulo admite que a lei responde ás recomendacións da OCDE (Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico), un organismo de cooperación internacional formado por 36 estados que, como o seu nome ben indica, busca maximizar o crecemento económico e fomentar o desenvolvemento dos países membros.
O obxetivo desta entrada non é castigar a ensinanza de idiomas estranxeiros para fins económicos e defender o estudo obligatorio de todos os idiomas cooficiais da península. De feito, non creo que fora capaz de aprender vasco nin aínda que o estudase toda a miña vida. Pero hai que ter presente que vivimos nunha sociedade extremadamente capitalizada e clasista, e isto afecta incluso á maneira na que concebimos a ensinanza de idiomas. O máis claro exemplo disto é cando decidiín estudar un ano de xaponés na EOI de Vigo durante o meu último ano de carreira. Cando anunciei a miña decisión, só había tres tipos de resposta: “con só un ano vaiche axudar a atopar traballo?”, “pero iso sírveche para algo?”, “non é máis rentable estudar chino para poñer no currículum?”. Repito, o estudo de idiomas para atopar un traballo digno é unha realidade, é hai idiomas que abren máis portas que outros. Pero temos un problema como sociedade se empezamos a ver as linguas só como “ferramentas” en lugar de como expresións culturais e de identidade que representan a pobos enteiros.
Bos días, Lidia!
ResponderEliminarVeño a comentar a túa entrada porque no meu blog tamén relacionei o plurilingüismo co aspecto económico para falar do tema 1 tratado na clase, xa que me pareceu un factor moi interesante e do que poucas veces se fala.
Concordo completamente coa túa visión de que o verdadeiro motivo de darlle tanta importancia ao plurilingüismo nas presentes leis de educación débese a finalidades económicas e de empregabilidade, e non tanto por fins de interculturalidade ou tolerancia. A LOMCE, xa no seu preámbulo, mostra unha visión da educación moi mercantilista e concibe a educación coma unha chave para mellorar a nosa economía estatal e a nosa posición con respecto ao resto de países da nosa contorna.
A min tamén me chamou bastante a atención que no noso país se estea a promover tanto a ensinanza bilingüe (castelán e unha lingua estranxeira) e o método CLIL cando temos unha tendencia cara a uniformación e a negación de linguas minoritarias. Ademais, nestes últimos tempos vemos coma diversos sectores políticos se senten “ameazados” por estas linguas e din que nos colexios os nenos e nenas non poden estudar en castelán debido á imposición do galego, o catalán ou o vasco. Non sei en que país viven estes políticos, a verdade…
Tampouco considero que a solución sexa a de obrigar a estudar as linguas cooficiais do noso país, pero as leis deberían reflexar que estas son igual de válidas e que ofrecen numerosas vantaxes, tanto a nivel cognitivo coma profesional e académico. Porque si, ás veces, o galego axuda a atopar traballo (e dígoo por experiencia!).
En resumo, gustoume a túa entrada e concordo ao 100 %! Que teñas un bo día :)