viernes, 14 de febrero de 2020

Didáctica - Tema 1

Ola a todos! Nesta última entrada, vou a falar sobre o Tema 1, o cal traballamos na sesión do 9 de xaneiro. Este tema trata sobre as situacións e variábeis na situación de ensino das linguas estranxeiras.

Á hora de adquirir unha lingua, atopámonos con tres conceptos básicos: lingua inicial, segunda lingua e lingua estranxeira. A lingua inicial é aquela que se aprende durante a infancia de maneira natural e inconsciente no seno da familia, incluso antes de que se produza a escolarización. Poderíase adquirir máis de unha lingua durante esta etapa, dándose o fenómeno do bilingüismo. Tende a considerarse sinónimo de lingua materna, pero aínda non existe un consenso sobre isto. A segunda lingua ou L2 é un idioma que se aprende despois de adquirir a lingua incial. Esta segunda lingua adquírese na maioría dos casos mediante a inmersión, xa que é a lingua que se fala no lugar onde vive a persoa que a aprende: por exemplo, se un inmigrante vén a España e aprende o noso idioma, entón o español sería a súa segunda lingua. Aquí radica a principal diferenza entre a segunda lingua e a lingua estranxeira, xa que está última apréndese na escola de maneira consciente e sen estar no país de onde provén esa lingua. Por exemplo, un inglés que aprende español en Inglaterra estaría aprendendo unha lingua estranxeira, xa que o español non é un idioma oficial nese país. Para poder apreciar mellor as diferenzas entre estas palabras, realizamos por grupos de catro un diagrama de Venn, no cal debíamos poñer as principais características da aprendizaxe da lingua materna e da lingua estranxeira. O máis interesante desta actividade foi a posta en común, xa que puidemos comprobar como, dependendo do contexto de aprendizaxe de cada persoa, pode chegar a ser extremadamente difícil diferenciar estos tres conceptos.



Isto lévanos á seguinte parte da sesión, na cal aprendemos tres novos conceptos con respecto ás linguas, esta vez dependendo do seu contexto de uso: lingua habitual, lingua de traballo e lingua vehicular. A lingua habitual é aquela que un falante emprega na maioría das situacións comunicativas nas que se atopa ao longo do día. Esta lingua non sempre coincide coa lingua inicial do falante, xa que un inmigrante utilizará a lingua do país ao que emigrou para comunicarse, pero esa no foi a lingua que aprendeu durante a súa primeira infancia. A lingua de traballo é a lingua que hai que empregar para comunicarse nunha compañía, empresa, sociedade, Estado, órgano ou organización. É a lingua de correspondencia diaria e de conversación usual entre os seus membros. Por exemplo, os funcionarios en España deben comunicarse no seu posto de traballo na lingua ou linguas oficiais do país, independemente de cal sexa a súa lingua inicial ou habitual. A lingua vehicular é unha lingua que adoptan dous o máis falantes de linguas diferentes para poder comunicarse, polo que este concepto está intimamente ligado ao de lingua franca. A lingua vehicular tamén pode referirse á lingua de preferencia nun determinado ámbito técnico: por exemplo, se nunha reunión sobre tecnoloxía hai tres persoas que falan francés e unha que fala español, escollerán falar en inglés independetemente de se a persoa española sabe francés ou non, xa que o inglés é a lingua de preferencia en ámbitos relacionados coa tecnoloxía. 

A seguinte actividade que realizamos foi un Placemat, no cal dividimos un folio A3 en catro seccións deixando un recadro no medio para as preguntas. Cada membro tiña que responder individualmente, e despois tiñamos que pornos de acordo para dar unha resposta. As preguntas que lle tocaron ao meu grupo foron: “Na Unión Europea fálanse máis de 40 linguas distintas. Usa todas a Comisión Europea?” e “Unha profesora castelanfalante de Historia nun centro de ensino público, en qué lingua dará as súas aulas?”. No noso caso, sorprendeume a resposta a última pregunta, xa que descoñecía a lexislación ao respecto (ademais de que as dúas profesoras de Historia que tiña en Bacharelato daban clase en castelán).



Por último, gustaríame introducir o concepto de repertorio lingüístico. O noso repertorio lingüístico é o conxunto de habilidades e competencias que posuímos no uso dunha ou máis linguas, ademais de nas distintas variedades de cada unha delas. Dise que un falante posúe un repertorio lingüístico amplio cando é capaz de adecuar a súa actuación lingüística a situacións de uso moi diversas, as cales están condicionadas por factores como o estatus social dos interlocutores, o seu nivel de estudos, o tipo de relación que existe entre eles, o grupo de idade ao que pertencen, o seu lugar de residencia, etc. Na didáctica das linguas, o termo alude tanto ao repertorio de recursos e variedades lingüísticas que unha persoa posúe nunha lingua estranxeira que está a aprender, como tamén ás diversas linguas nas que é capaz de comunicarse, tanto na aula como fóra dela. Aquí vos deixo o repertorio lingüístico que fixemos en conxunto varias persoas do grupo 1.



En conclusión, este tema está máis centrado na diferenciación de termos lingüísticos relacionados coa adquisición das linguas. A pesar de que moitos deles xa os coñecía da carreira, sempre está ben facer un repaso e ver cómo estes termos se aplican de maneira distinta en cada persoa, xa que cada un temos o noso propio background nas linguas. Ademais, o repertorio lingüístico é algo que me gustaría ter traballado máis en profundidade, xa que consideramos que saber unha lingua é saber os elementos puramente lingüísticos que a conforman, pero saber un idioma vai más alá.

jueves, 6 de febrero de 2020

Comentarios en blogs de Didáctica (Cristina)

Aquí están os comentarios que fixen en blogs de compañeiros:


Un saúdo!

Didáctica - Tema 4

Ola a todos! Nas últimas sesións da materia Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras (correspondentes aos días 15 de xaneiro e 4 de febreiro) traballamos o Tema 4, o cal trata os distintos tipos de avaliación e o uso de rúbricas.

Primeiro, gustaríame introducirvos a un termo moi coñecido pero que é máis complexo do que parece: a avaliación. A avaliación é un dos temas con maior protagonismo no ámbito educativo, xa que educadores, familias e estudantes son máis conscientes da importancia e as repercusións do feito de avaliar ou de ser avaliado. Na maioría das ocasións a avaliación está asociada aos exames e as cualificacións, e isto ten que ver coa concepción da avaliación que ten a maioría da poboación. O propio dicionario da Real Academia Española dá dúas definicións da avaliación: “sinalar o valor dunha cousa” e “estimar, apreciar, calcular o valor dunha cousa”. A pesar disto, a medida que se foi concebindo á educación como un proceso no que interveñen distintos axentes e circunstancias que inflúen nos seus resultados, tamén se foi modificando a idea que temos de avaliación. A día de hoxe, considérase a avaliación como un proceso que implica a recollida de información cunha posterior interpretación, para facer posible a emisión dun xuízo de valor que permita orientar a acción ou a toma de decisións. 

Podemos distinguir tres tipos de avaliación. En primeiro lugar temos a avaliación inicial ou diagnóstica, que é aquela que se aplica ao comezo dun proceso de ensinanza-aprendizaxe. Esta avaliación permite detectar a situación de partida dos estudantes que van empezar a súa formación. Desde o meu punto de vista, esta avaliación é a máis importante, xa que na aula de idiomas é clave axustarse ao nivel do grupo aula para poder conseguir unha aprendizaxe significativa. En segundo lugar está a avaliación formativa ou continua, que permite a continua monitorización da aprendizaxe do alumnado e, polo tanto, a obtención rigurosa de datos ao longo dese mesmo proceso, de modo que en todo momento se posúa o coñecemento apropiado da situación. A súa finalidade non só é avaliar, senón tamén mellorar ou perfeccionar o proceso que se avalía. Esta avaliación resulta extremadamente útil xa que lle permite ao docente tomar as decisións necesarias para mellorar a aprendizaxe de forma inmediata. Unha das maneiras de mellorar o proceso sería mediante o feedback, o cal tradicionalmente se presentou mediante cifras númericas, pero que pode tomar disintas formas: comentarios personalizados, reunións presenciais, checklists, etc. Por último, a avaliación sumativa ou final supón a valoración final do proceso de ensinanza-aprendizaxe, o cal xa está rematado. A súa finalidade é determinar o valor dese produto final (neste caso, un grao de aprendizaxe), e decidir se o resultado é positivo ou negativo. Non se pretende mellorar nada con esta avaliación de forma inmediata, senón valorar definitivamente.


A pesar de que as tres avaliacións anteriormente mencionadas son os principais métodos, gustaríame facer unha mención especial á co-avaliación e á auto-avaliación, a cal permite que o alumnado sexa un axente activo no seu propio proceso de ensinanza-aprendizaxe, ao mesmo tempo que obteñen feedback dos seus compañeiros. Para este tema fixemos diversas actividades, a maioría de debate. Un dos debates foi sobre a maneira de dar feedback, e preguntóusenos cal criamos que era o mellor método, ademais de preguntarnos qué sistema funcionaría mellor: dar só cualificacións, dar cualificacións e comentarios ou só comentarios. A maioría opinamos que dar só cualificacións non é bo, pero que está ben se van acompañadas doutro tipo de feedback. Ironicamente, está demostrado que o alumnado que máis melloraba era o que só recibía comentarios. A isto eu atribúolle un factor psicolóxico máis que un sistemático: o noso sistema educativo xira ao redor das cualificacións numéricas, e cando liberamos aos nosos estudantes da carga mental que ás veces supón ese “número”, o seu rendemento e a súa motivación melloran considerablemente.


Unha vez entendidos os distintos tipos de avaliación, qué instrumentos utilizamos para levala a cabo? Hai moitos para escoller, pero o máis coñecido e popular nos últimos tempos foi a rúbrica. As rúbricas son guías de puntuación usadas na avaliación do desempeño dos estudantes que describen as características específicas dun produto, proxecto ou tarefa en varios niveis de rendemento, co fin de clarificar o que se espera do traballo do alumno, de valorar a súa execución e de facilitar a proporción de feedback. As vantaxes do uso de rúbricas cos estudantes son moitas: teñen moita máis información que utilizando outros instrumentos, fomentan a auto-avaliación, coñecen de antemán os criterios cos que serán avaliados, promoven a responsabilidade do alumnado xa que en función dos criterios expostos poden revisar os seus propios traballos antes de entregalos ao profesor, etc. As rúbricas tamén son vantaxosas para os docentes, xa que incrementan a obxectividade do proceso avaliador e axústanse ás esixencias da avaliación por competencias. Fixemos dúas actividades relacionadas cos instrumentos de avaliación: na primeira, tivemos que deseñar unha rúbrica para nosa primeira actividade do tema 5, a cal non saíu moi ben xa que nos resultou difícil atopar descriptores para avaliar o multiculturalismo; na segunda, eliximos un instrumento de avaliación que usariamos en clase, e o noso grupo escolleu o Kahoot xa que nos permite obter estatísticas do alumnado e saber que é o que falla e con cantas persoas falla.

En conclusión, os avances na educación van intrínsicamente ligados aos avances na avaliación, xa que a última é unha parte vital da primeira. Xa puidemos comprobar que a avaliación ten diversas funcións, pero para min a máis importante é que lle permite ao estudante saber en qué parte do proceso de aprendizaxe está e qué ten que facer para seguir avanzando. Por moito que invirtamos o noso tempo en empregar metodoloxías activas e en deseñar actividades cooperativas, se o proceso avaliador falla, atoparémonos con estudantes estancados que poden non ver a utilidade en todo o que están facendo. Polo tanto, a avaliación é un elemento curricular ao que se lle debe prestar máxima atención xa que de non facelo corremos o risco de bloquear o proceso de ensinanza-aprendizaxe.