Ola a todos! Nas últimas sesións da materia Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras (correspondentes aos días 15 de xaneiro e 4 de febreiro) traballamos o Tema 4, o cal trata os distintos tipos de avaliación e o uso de rúbricas.
Primeiro, gustaríame introducirvos a un termo moi coñecido pero que é máis complexo do que parece: a avaliación. A avaliación é un dos temas con maior protagonismo no ámbito educativo, xa que educadores, familias e estudantes son máis conscientes da importancia e as repercusións do feito de avaliar ou de ser avaliado. Na maioría das ocasións a avaliación está asociada aos exames e as cualificacións, e isto ten que ver coa concepción da avaliación que ten a maioría da poboación. O propio dicionario da Real Academia Española dá dúas definicións da avaliación: “sinalar o valor dunha cousa” e “estimar, apreciar, calcular o valor dunha cousa”. A pesar disto, a medida que se foi concebindo á educación como un proceso no que interveñen distintos axentes e circunstancias que inflúen nos seus resultados, tamén se foi modificando a idea que temos de avaliación. A día de hoxe, considérase a avaliación como un proceso que implica a recollida de información cunha posterior interpretación, para facer posible a emisión dun xuízo de valor que permita orientar a acción ou a toma de decisións.
Podemos distinguir tres tipos de avaliación. En primeiro lugar temos a avaliación inicial ou diagnóstica, que é aquela que se aplica ao comezo dun proceso de ensinanza-aprendizaxe. Esta avaliación permite detectar a situación de partida dos estudantes que van empezar a súa formación. Desde o meu punto de vista, esta avaliación é a máis importante, xa que na aula de idiomas é clave axustarse ao nivel do grupo aula para poder conseguir unha aprendizaxe significativa. En segundo lugar está a avaliación formativa ou continua, que permite a continua monitorización da aprendizaxe do alumnado e, polo tanto, a obtención rigurosa de datos ao longo dese mesmo proceso, de modo que en todo momento se posúa o coñecemento apropiado da situación. A súa finalidade non só é avaliar, senón tamén mellorar ou perfeccionar o proceso que se avalía. Esta avaliación resulta extremadamente útil xa que lle permite ao docente tomar as decisións necesarias para mellorar a aprendizaxe de forma inmediata. Unha das maneiras de mellorar o proceso sería mediante o feedback, o cal tradicionalmente se presentou mediante cifras númericas, pero que pode tomar disintas formas: comentarios personalizados, reunións presenciais, checklists, etc. Por último, a avaliación sumativa ou final supón a valoración final do proceso de ensinanza-aprendizaxe, o cal xa está rematado. A súa finalidade é determinar o valor dese produto final (neste caso, un grao de aprendizaxe), e decidir se o resultado é positivo ou negativo. Non se pretende mellorar nada con esta avaliación de forma inmediata, senón valorar definitivamente.
A pesar de que as tres avaliacións anteriormente mencionadas son os principais métodos, gustaríame facer unha mención especial á co-avaliación e á auto-avaliación, a cal permite que o alumnado sexa un axente activo no seu propio proceso de ensinanza-aprendizaxe, ao mesmo tempo que obteñen feedback dos seus compañeiros. Para este tema fixemos diversas actividades, a maioría de debate. Un dos debates foi sobre a maneira de dar feedback, e preguntóusenos cal criamos que era o mellor método, ademais de preguntarnos qué sistema funcionaría mellor: dar só cualificacións, dar cualificacións e comentarios ou só comentarios. A maioría opinamos que dar só cualificacións non é bo, pero que está ben se van acompañadas doutro tipo de feedback. Ironicamente, está demostrado que o alumnado que máis melloraba era o que só recibía comentarios. A isto eu atribúolle un factor psicolóxico máis que un sistemático: o noso sistema educativo xira ao redor das cualificacións numéricas, e cando liberamos aos nosos estudantes da carga mental que ás veces supón ese “número”, o seu rendemento e a súa motivación melloran considerablemente.
Unha vez entendidos os distintos tipos de avaliación, qué instrumentos utilizamos para levala a cabo? Hai moitos para escoller, pero o máis coñecido e popular nos últimos tempos foi a rúbrica. As rúbricas son guías de puntuación usadas na avaliación do desempeño dos estudantes que describen as características específicas dun produto, proxecto ou tarefa en varios niveis de rendemento, co fin de clarificar o que se espera do traballo do alumno, de valorar a súa execución e de facilitar a proporción de feedback. As vantaxes do uso de rúbricas cos estudantes son moitas: teñen moita máis información que utilizando outros instrumentos, fomentan a auto-avaliación, coñecen de antemán os criterios cos que serán avaliados, promoven a responsabilidade do alumnado xa que en función dos criterios expostos poden revisar os seus propios traballos antes de entregalos ao profesor, etc. As rúbricas tamén son vantaxosas para os docentes, xa que incrementan a obxectividade do proceso avaliador e axústanse ás esixencias da avaliación por competencias. Fixemos dúas actividades relacionadas cos instrumentos de avaliación: na primeira, tivemos que deseñar unha rúbrica para nosa primeira actividade do tema 5, a cal non saíu moi ben xa que nos resultou difícil atopar descriptores para avaliar o multiculturalismo; na segunda, eliximos un instrumento de avaliación que usariamos en clase, e o noso grupo escolleu o Kahoot xa que nos permite obter estatísticas do alumnado e saber que é o que falla e con cantas persoas falla.
En conclusión, os avances na educación van intrínsicamente ligados aos avances na avaliación, xa que a última é unha parte vital da primeira. Xa puidemos comprobar que a avaliación ten diversas funcións, pero para min a máis importante é que lle permite ao estudante saber en qué parte do proceso de aprendizaxe está e qué ten que facer para seguir avanzando. Por moito que invirtamos o noso tempo en empregar metodoloxías activas e en deseñar actividades cooperativas, se o proceso avaliador falla, atoparémonos con estudantes estancados que poden non ver a utilidade en todo o que están facendo. Polo tanto, a avaliación é un elemento curricular ao que se lle debe prestar máxima atención xa que de non facelo corremos o risco de bloquear o proceso de ensinanza-aprendizaxe.







