Ola a todos! Nesta última entrada, vou a falar sobre o Tema 1, o cal traballamos na sesión do 9 de xaneiro. Este tema trata sobre as situacións e variábeis na situación de ensino das linguas estranxeiras.
Á hora de adquirir unha lingua, atopámonos con tres conceptos básicos: lingua inicial, segunda lingua e lingua estranxeira. A lingua inicial é aquela que se aprende durante a infancia de maneira natural e inconsciente no seno da familia, incluso antes de que se produza a escolarización. Poderíase adquirir máis de unha lingua durante esta etapa, dándose o fenómeno do bilingüismo. Tende a considerarse sinónimo de lingua materna, pero aínda non existe un consenso sobre isto. A segunda lingua ou L2 é un idioma que se aprende despois de adquirir a lingua incial. Esta segunda lingua adquírese na maioría dos casos mediante a inmersión, xa que é a lingua que se fala no lugar onde vive a persoa que a aprende: por exemplo, se un inmigrante vén a España e aprende o noso idioma, entón o español sería a súa segunda lingua. Aquí radica a principal diferenza entre a segunda lingua e a lingua estranxeira, xa que está última apréndese na escola de maneira consciente e sen estar no país de onde provén esa lingua. Por exemplo, un inglés que aprende español en Inglaterra estaría aprendendo unha lingua estranxeira, xa que o español non é un idioma oficial nese país. Para poder apreciar mellor as diferenzas entre estas palabras, realizamos por grupos de catro un diagrama de Venn, no cal debíamos poñer as principais características da aprendizaxe da lingua materna e da lingua estranxeira. O máis interesante desta actividade foi a posta en común, xa que puidemos comprobar como, dependendo do contexto de aprendizaxe de cada persoa, pode chegar a ser extremadamente difícil diferenciar estos tres conceptos.
A seguinte actividade que realizamos foi un Placemat, no cal dividimos un folio A3 en catro seccións deixando un recadro no medio para as preguntas. Cada membro tiña que responder individualmente, e despois tiñamos que pornos de acordo para dar unha resposta. As preguntas que lle tocaron ao meu grupo foron: “Na Unión Europea fálanse máis de 40 linguas distintas. Usa todas a Comisión Europea?” e “Unha profesora castelanfalante de Historia nun centro de ensino público, en qué lingua dará as súas aulas?”. No noso caso, sorprendeume a resposta a última pregunta, xa que descoñecía a lexislación ao respecto (ademais de que as dúas profesoras de Historia que tiña en Bacharelato daban clase en castelán).
Por último, gustaríame introducir o concepto de repertorio lingüístico. O noso repertorio lingüístico é o conxunto de habilidades e competencias que posuímos no uso dunha ou máis linguas, ademais de nas distintas variedades de cada unha delas. Dise que un falante posúe un repertorio lingüístico amplio cando é capaz de adecuar a súa actuación lingüística a situacións de uso moi diversas, as cales están condicionadas por factores como o estatus social dos interlocutores, o seu nivel de estudos, o tipo de relación que existe entre eles, o grupo de idade ao que pertencen, o seu lugar de residencia, etc. Na didáctica das linguas, o termo alude tanto ao repertorio de recursos e variedades lingüísticas que unha persoa posúe nunha lingua estranxeira que está a aprender, como tamén ás diversas linguas nas que é capaz de comunicarse, tanto na aula como fóra dela. Aquí vos deixo o repertorio lingüístico que fixemos en conxunto varias persoas do grupo 1.
En conclusión, este tema está máis centrado na diferenciación de termos lingüísticos relacionados coa adquisición das linguas. A pesar de que moitos deles xa os coñecía da carreira, sempre está ben facer un repaso e ver cómo estes termos se aplican de maneira distinta en cada persoa, xa que cada un temos o noso propio background nas linguas. Ademais, o repertorio lingüístico é algo que me gustaría ter traballado máis en profundidade, xa que consideramos que saber unha lingua é saber os elementos puramente lingüísticos que a conforman, pero saber un idioma vai más alá.





