sábado, 21 de diciembre de 2019

TEMA 6: Dossier

O Tema 6 abarcou dúas sesións, e realizamos unha actividade en cada unha delas:

12 de decembro

Esta sesión comezou cunha explicación do sistema concurso-oposicións para acceder ao sistema público de ensinanza. A continuación, realizamos unha actividade que consistía en usar a rúbrica das oposicións para avaliar unha programación didáctica dun instituto de Galicia. Usamos o buscador da páxina da Xunta de Galicia, pero ao final rematamos escollendo a programación didáctica do departamento de inglés do meu antigo instituto: o IES A Xunqueira I de Pontevedra. 

A pesar de que esta programación tiña moitos puntos interesantes, estaba demasiado desordenada: por exemplo, falaba sobre a atención á diversidade en tres apartados distintos da programación, en lugar de dedicarlle un bloque completo para explicalo ben. Na parte que correspondería ás unidades didácticas, fixeron copia e pega do cadro que vén no currículum do DOG, algo que nos sorprendeu bastante. Segundo a nosa avaliación, esta programación non aprobaría as oposicións. Aquí vos deixo a rúbrica que empregamos en clase para explicar cómo a avaliamos:




Esta actividade pareceume moi interesante por dous motivos. Primeiro, é a primeira vez no máster que nos enfrentamos a unha programación didáctica real, algo irónico posto que tivemos que entregar unha unidade didáctica integrada da nosa creación para unha das anteriores materias. Segundo, é curioso ver como a pesar de que nas oposicións son extremadamente estrictos, á hora da verdade os institutos deixan o deseño curricular bastante de lado, deixándoo quedar como un simple papeleo burocrático que hai que presentar para que o aprobe o inspector.

16 de decembro

Esta sesión dedicámola maioritariamente á creación dunha unidade didáctica. Como para unha das anteriores materias fixeramos unha UDI para secundaria, esta vez decidimos ampliar os nosos horizontes e facer unha sobre a EOI. A maior dificultade foi entender o currículum da EOI. Por exemplo, nós estabámos acostumadas aos estándares de aprendizaxe, pero na EOI pasan a chamarse mínimos esixibles, e tiñamos que redactalos nós a partir dos criterios de avaliación. Ademais, os contidos viñan estructurados de maneira totalmente distinta aos contidos de secundaria. Por isto, a pesar de ser unha actividade bastante sinxela, levounos máis tempo do esperado.



En conclusión, estas actividades son bastante sinxelas a simple vista, e máis tendo en conta que xa estudamos deseño curricular no máster. Aínda así, a cantidade de dificultades que tivemos á hora de levalas á cabo fai que me pregunte se realmente lle estamos dedicando o tempo suficiente ao deseño curricular, xa que eu non me vexo capaz agora mesmo de realizar unha programación didáctica completa por min mesma.

No hay comentarios:

Publicar un comentario